Todos os edificios de máis de 40
anos de antigüidade deberán someterse a esta inspección, que ten como obxectivo
que os "propietarios se preocupen polo mantemento axeitado dos edificios e
fomentar un labor de prevención para evitar un maior deterioro no futuro",
indicou a concelleira. Na ITE avaliaranse aspectos como o estado da
estrutura e da cimentación; ao estado das fachadas interiores, exteriores,
medianeiras e outros parámetros; o estado de conservación de teitos e azoteas;
o estado das redes xerais de fontanería, saneamento e protección fronte ao
lume, ou o estado xeral dos elementos comúns.
Cada seis meses publicarase un listado cos edificios obrigados a pasar a
inspección , segundo o seguinte calendario:
- Edificios anteriores a 1930, ata o 31 de decembro de 2012.
- Edificios entre 1930 e 1945, ata o 1 de xullo de 2013.
- Edificios entre 1946 e 1952, ata o 31 de decembro de 2013.
- Edificios entre 1953 e 1958, ata o 1 de xullo de 2014.
- Edificios entre 1959 e 1964, ata o 31 de decembro de 2014.
- Edificios entre 1965 e 1967, ata o 1 de xullo de 2015.
- Edificios entre 1968 e 1972, ata o 31 de decembro de 2015.
As inspeccións serán realizadas por técnicos externos (arquitectos e
aparelladores), elixidos polas comunidades de veciños libremente. Non obstante,
o Concello establecerá convenios cos colexios profesionais con fin de
establecer unhas listas de profesionais aos que estas comunidades poidan
acudir. Ademais, fixaranse uns prezos máximos para as ITE segundo o tipo de
edificio a inspeccionar.
Procedemento
De acordo co listado e prazos establecidos, as comunidades afectadas deberán
encargar a ITE. Realizada esta polo técnico externo e se resulta favorable, o
inmoble rexistrarase no rexistro de edificios suxeitos a ITE. Esta inspección
deberá realizarse cada 10 anos.
Se a ITE é desfavorable, deberase pedir licenza para a realización das obras
pertinentes, para o cal se disporá de tres meses dende a presentación da ITE.
Unha vez realizadas as obras, o edificio será inscrito no devandito rexistro.
Co fin de que as comunidades de propietarios poidan afrontar os gastos destas
obras, o Concello está a traballar co Consorcio de Santiago na apertura dunha
liña de axudas.
Se a comunidade non presenta a ITE nas datas establecidas, requiriráselle para
que o faga no prazo dun mes. De non facela tampouco, o Concello encargara esta inspección de modo
subsidiario, cargando os gastos á comunidade.
Documentos relacionados